Proxecto 12 meses, 12 paisaxes



INTRODUCIÓN

         Tomiño é unha parroquia que ofrece gran cantidade de variedade paisaxística, en pequenos recunchos, as veces descoñecidos ou pouco valorados.
         Coa realización do proxecto 12 meses, 12 paisaxes, preténdese que os nenos e nenas do CEP Pedro Caselles Beltrán melloren os seus coñecementos da paisaxe en xeral, e da parroquia de Tomiño en particular, grazas a súa propia experiencia  e as experiencias que lles transmitan os seus compañeiros. A través deste coñecemento, nenos e nenas, adquirirán conciencia da importancia do valor cultural, natural, emocional e económico da paisaxe.
         Neste proxecto estará implicado todo o alumnado do centro que pode traballar de forma individual ou por equipos, as familias as que implicaremos de forma activa na recollida de información e todo o profesorado do Centro que recabará e organizará os traballos do alumnado.

OBXECTIVOS
        Identificar  distintos tipos de paisaxes do seu entorno.
        Comparar as paisaxes próximas con outro tipo de paisaxes do mundo.
        Describir unha paisaxe.
        Valorar a importancia dunha correcta ordenación e uso do territorio.
        Concienciarse do valor de cada individuo á hora de conservar e manter as paisaxes do entorno máis próximo.
        Recoñecer e valorar elementos notables das paisaxes: naturais, arquitectónicos e etnográficos.
        Recoñecer diferentes tipos de árbores autóctonas a través das súas follas, codia, froitos, etc
        Valorar a importancia da conservación e coidado das árbores senlleiras da localidade.
         Recoñecer os cambios que produce o tempo ou a man humana na paisaxe.
         Utilizar os coñecementos adquiridos co seu traballo e o dos seus compañeiros na actividade “Turonia”
         Valorar o traballo en grupo, tanto o propio como o dos compañeiros.
         Manexar aparatos das novas tecnoloxías (móbiles, cámaras, tablets, portátiles) para a realización de traballos e rexistro de datos.
         Consultar e analizar a través da web o traballo propio e o dos compañeiros.
         Debater de forma ordenada e respectuosa os distintos traballos expostos na web.
         Localizar a través de Google Earth elementos significativos da paisaxe local.

ORGANIZACIÓN, DESENVOLVEMENTO E METODOLOXÍA
O desenvolvemento deste proxecto terá lugar en tres fases:

FASE 1-INVESTIGACIÓN E RECOPILACIÓN
Terá lugar ao longo do mes de marzo. Comezará nas aulas cunha explicación dos distintos tipos de paisaxes e os seus elementos, seguida dunha explicación do tipo de investigación que pretendemos que fagan o alumnado. O traballo pode ser individual ou en grupo e versará sobre unha paisaxe do seu entorno máis próximo, un elemento significativo desa paisaxe ou  unha árbore senlleira. Constará dunha foto ou vídeo breve, a ser posible en soporte dixital, e dun pequeno texto ou gravación explicativa. Tamén se pode traballar arredor dunha foto antiga, ben comparándoa cunha moderna para ver a evolución da paisaxe, ben porque retrate  algún elemento significativo, arbore ou paisaxe xa desaparecida.
A cada familia faráselle chegar unha carta explicativa para que colaboren cos seus fillos e fillas na realización dos traballos, coa fin de recuperar lendas ou historias significativas relativas a esa paisaxe, elemento ou árbore.

FASE 2- ORGANIZACIÓN DOS TRABALLOS
Os traballos entregados serán organizados segundo a categoría e colgados no blog http://paisaxesdetomino.blogspot.com.es/. Tamén se montará un video-documental coas fotos, vídeos, textos e gravacións entregadas.

FASE 3-PRESENTACIÓN E DIVULGACIÓN DO TRABALLO
Na semana das Letras Galegas, do 13 ao 16 de maio, procederase a proxección do vídeo para todo o centro.
Despois nas clases, utilizando as pantallas dixitais e o material do blog os nenos debaterán e comentarán as impresións que lles producen os traballos dos seus compañeiros.
Na ultima semana de maio ou primeira de xuño ten lugar a actividade de “Turonia”, que é unha saída ao entorno, na que este ano se procurará levar a practica os coñecementos adquiridos polo alumnado a través do proxecto 12 meses, 12 paisaxes.

AVALIACIÓN
A avaliación do proxecto 12 meses 12 paisaxes realizarase a través dunha enquisa a tres niveis: profesorado, alumnado e familias, na que se formularán preguntas relativas ao traballo feito, a súa divulgación, utilidade e posibles melloras cara o curso que ven.
Esta enquisa faráselle chegar aos distintos membros da comunidade educativa a principios de xuño, e os resultados publicaranse na web en http://paisaxesdetomino.blogspot.com.es/

3 comentarios:

  1. Pareceume interesante porque nos ensina os coles antigos aos nenos xóvenes.

    ResponderEliminar
  2. os alumnos e alumnas de 3º A pensamos que este proxecto é moi interesante porque nos axuda a coñecer moito mellor cousas bonitas da nosa localidade.

    ResponderEliminar
  3. as paisaxes son moi bonitas

    ResponderEliminar